Thursday 16 de May de 2024

A Xunta participa nas presentacións dos festivais audiovisuais Carballo Interplay e (S8) da Coruña


— Ambos certames veñen contando co apoio da Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades a través da convocatoria de subvencións para mostras do sector, que este ano ten cunha dotación de 225.000 euros

— A décima edición do evento carballés de contidos dixitais arranca hoxe mesmo, mentres que a XIV Mostra de Cinema Periférico terá lugar en diferentes espazos coruñeses do 26 de maio ao 4 de xuño

O director da Axencia Galega das Industrias Culturais, Jacobo Sutil, participou esta mañá nas presentacións do Carballo Interplay e da (S8) Mostra de Cinema Periférico da Coruña, dúas citas audiovisuais que veñen contando co apoio económico da Xunta de Galicia a través da convocatoria anual de subvencións para festivais do sector. As axudas deste ano atópanse actualmente en proceso de resolución cara á adxudicación da súa dotación de 225.000 euros.

Nas súas intervencións, o representante da Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades puxo o foco no papel deste tipo de certames na difusión e creación de públicos para os diferentes formatos audiovisuais, así como na diversidade e especialización do panorama galego de festivais neste ámbito. En resposta ao seu importante labor, a Xunta incrementou en máis do 7% o investimento nestas subvencións respecto a 2022, mantendo así a tendencia á alza desde a súa posta en marcha en 2015.

Cita referente en Galicia e España
O Carballo Interplay arranca hoxe a súa décima edición, consolidado como a cita de referencia en contidos dixitais, tanto a nivel galego como estatal. O programa que desenvolverá ata o vindeiro día 1 no Pazo da Cultura fará fincapé neste décimo aniversario, combinando experiencias de creación dixital que comezaron a súa andaina hai unha década coas que están a iniciarse na actualidade.

Ademais das proxeccións de series nas seccións de competición e das accións específicas da Zona Pro, o Carballo Interplay ofrece múltiples paneis, encontros e actividades, como a emisión en directo do podcast Dentro, o espectáculo sobre a mítica serie Médico de familia de Los Hermanos Podcast, proxecto de Noel Ceballos e El Hematocrítico, ou o habitual Código Fonte Audiovisual, que este ano correrá a cargo de Teresa Segura e David Sainz.

Formación e profesionalización
Pola súa banda, a mostra (S8) desenvolverá a súa 14ª edición do 26 de maio ao 4 de xuño en distintos escenarios da cidade da Coruña, a Filmoteca de Galicia da Xunta entre eles. O seu programa deste ano reafirma a dimensión formativa e de profesionalización do evento, facetas nas que se centrou precisamente a presentación deste mediodía.

Así, como novidade, o certame crea este ano as bolsas eSe8_LAB para propiciar o desenvolvemento de proxectos cinematográficos no Baltic Analoh Lab de Riga (Letonia), institución de prestixio a nivel europeo.

Ademais, a sección Paraíso amplíase para dispoñer dun espazo de encontro e asesoría para estudantes de Belas Artes chegados de Galicia e o resto de España, así como de Francia e Italia.